Outras accións

Detrás da canción

Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo? A estas cuestións tenta responder a actividade 'Detrás da canción', na que integrantes dos grupos de pop galego Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo.


A actividade terá lugar o venres 15 de abril, primeiro terá lugar un obradoiro de creación musical, ás 18.00 horas, no Telecentro (Biblioteca Municipal,praza de España), e despois celebrarase un concerto acústico a cargo de The Homens e Projecto Mourente, na Capela do C.C. Torrente Ballester, ás 20.00 horas.


A democratización da tecnoloxía, o abaratamento dos ordenadores e dos programas e a xeralización do uso de internet fixeron cambiar o modo de crear, producir e difundir a música. Unha das consecuencias positivas desta situación é a posibilidade de gravar as creacións propias de xeito doado e barato, e de facer que estas cheguen a un público dunha amplitude impensable hai pouco tempo.

Estas circunstancias derivadas da evolución tecnolóxica fixeron posible que nos últimos anos a música pop cantada en galego experimentase unha transformación única, pasando de ser ultraminoritaria e case invisible a contar con novos valores de solidez comprobada. En cuestión dun lustro apareceron en Galicia un bo número de grupos musicais de estilos e sensibilidades diversas que empregan o galego como lingua normal de expresión artística. Despois do pistoletazo de saída que supuxeron grupos como Os Resentidos, nos oitenta, e da toma de conciencia que nos noventa representaron o rock bravú e diversas experiencias ligadas ao punk rock nos noventa, este salto á visibilidade é unha gran oportunidade para a creación artística do país.

A ACTIVIDADE
A actividade divídese en dúas partes:
1.Curso de música caseira, con Carlos Valcárcel (Projecto Mourente). Este curso permitirá aos asistentes coñecer algunhas das ferramentas básicas para gravar un tema nun ordenador convencional. O obradoiro consistirá nunha pequena introdución teórica, na que se exporá o que se precisa para levar a cabo a gravación de pequenas pezas nun ordenador caseiro, e se explicará o funcionamento dalgún dos programas máis básicos para a gravación, edición e publicación en internet de pezas. Posteriormente, farase unha demostración práctica na que o público participará, axudando a crear unha peza que despois se interpretará na seguinte parte da actividade.

2.Concerto acústico de The Homens e Projecto Mourente. O grupo The Homens, Projecto Mourente e os participantes na actividade sumarán forzas para levar a cabo un concerto acústico de 45 minutos / 1 hora de duración. The Homens farán varias das cancións que veñen compoñendo desde o ano 2004, cun repertorio integramente en galego.

 

 

Obradoiros Cantamúsica


Unha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Ferrol ao abeiro do programa de dinamización lingüística Bocaberta. Os obradoiros terán lugar o sábado 19 de febreiro, un ás 17.00 h e outro ás 18.30 h na Ludoteca municipal , situada no Cantón de Molíns.  Haberá unha nova edición o luns de Entroido, 7 de  marzo, ás 12.00 horas no mesmo lugar.

O obradoiro de canto e xogos tradicionais vai dirixido a nenos e nenas cunha idade comprendida entre os 4 e os 8 anos. Ten como finalidade a aprendizaxe de cancións infantís tradicionais que cantaban moitos dos seus avós e bisavós, xogos relacionados con estas cancións e coa fala (como adiviñas, trabalinguas ou rimas), así como algunha melodía cantada acompañada dos ritmos básicos da nosa cultura musical, para o que empregaremos pandeiretas, cunchas, castañolas, e outras percusións menores.


Segundo vaia avanzando o obradoiro chegarán tamén ata a música máis actual, onde cantarán algunha das cancións do libro-disco de Pablo Díaz, “Tic Tac”. Os obradoiros serán impartidos por Pablo Díaz e Olga Kirk, dúas persoas cunha prolongada traxectoria no eido da música tradicional galega e no ensino da mesma.

 

Destacamos tamén o proxecto de dinamización lingüística A guerra das bruxa para promover o galego entre o alumnado

O Concello convida os centros educativos a participar no proxecto de dinamización lingüística A guerra das bruxa para promover o galego entre o alumnado

A primeira fase celebrarase o 29 de outubro e o 5 de novembro no Cantón e consistirá nunha xincana de xogos arredor do libro “O clan da loba”. De xaneiro e marzo haberá actividades na web. O edil Manuel Santiago avanza que está dirixido a estudantes de 12 a 16 anos cuxos centros de ensino deberán enviar as solicitudes ao correo gnl@ferrol.es. Destaca que o obxectivo é que @s alumn@s relacionen o emprego da lingua galega con actividades de lecer e participativas ao tempo que se fomenta o pracer da lectura