Entrevista Ábaco
Esta é unha entrevista a Isolina, á que se sumou o seu home Antonio. Son os propietarios da Taberna do Ábaco en Ferrol. Entre outros establecementos, Ábaco súmase á iniciativa Atención en galego no comercio e na hostalaría de Ferrol. A oferta de atender en galego é para moito do noso comercio e hostalaría unha opción positiva e de reforzo na atención ao público.
En que lingua falas normalmente?
Isolina: Falo galego, falo castelán... e porque non sei inglés.
Antonio: Todo o día galego, galego. Porque o levo no corazón. Coa clientela, cos da rúa, cos estranxeiros, cos madrileños... e falando amodiño, enténdeno todos.
Pensades que aínda sobreviven os tópicos ao redor do uso do galego? Atopades algún problema no negocio por usar o galego?
Isolina: Eu non atopo problema ningún porque manexamos tamén o castelán. Entón, pois non temos problema ningún. Se hai que falar en galego fálase e se hai que falar en castelán fálase. Non hai problema.
Antonio: Ningún, ningún, ningún.
Vedes entón un valor económico no galego?
Isolina: A mentalidade hai que cambiala un pouco, a nosa, a dos galegos, e a da xente que vén aquí e que mira para nós. Hai que cambiala un pouco porque eu creo que o tópico é un pouco certo. É un pouco certo porque nós non nos dignificamos moito, a maioría da xente non se identifica co que somos e queremos aparentar o que non somos, falando castelán. Comeza en nós porque a maioría non valoramos o que temos nin o que somos realmente.
Que se fala en Ferrol? A xente maior, entre a mocidade, no mercado, na escola...
Isolina: A maioría, castelán. Nós vemos cambio porque nós falamoslle en galego á clientela.
Antonio: O 99%, castelán. Se falas en galego, contestan en galego, aínda que despois sigan falando en castelán. Iso é falta de costume e de perder a vergoña que che meteron os de arriba. Os señores que nos gobernan meteron iso, a vergoña.
Que se fala entre compañeiros que tedes negocios?
Isolina: En Ferrol, nas reunións dos hostaleiros si, pero na atención ao público en Ferrol fálase pouco. Seguen falando castelán.
Antonio: Entre os compañeiros da hostalaría, un 80% falamos en galego. Despois cambian. Pero entre nós falamos o galego. Todos falamos galego, todos. Desde o máis baixo ao máis alto. Desde un restaurante de 3 garfos a unha taberna, falamos todos o galego, entre nós.
Que ideas de traballo nos dades?
Isolina: Para impulsalo, como a xente non queira... Entender, entendemos todo o mundo. Non sei, eu non lle vexo moita solución, como non queiran. A proposta pode ser que o falen os e as rexentes dos negocios. Esa pode ser a proposta, porque se observan cambios cando se lle fala á clientela en galego, falan máis galego. Presentar os negocios en galego. As cousas galegas son sinónimo de calidade, menos a fala, porque non se quere. Poderiamos comezar pola presentación do negocio en galego como calidade. E con incentivos para impulsalo.
Ferrol con lingua



